
Unha xornada chea de aprendizaxes para 1º de Animación Sociocultural e Turística
O alumnado de 1º de Animación Sociocultural e Turística ven de participar nunha xornada chea de aprendizaxes e experiencias ligadas ao seu futuro profesional en Santiago de Compostela.
🚶Comezaron no Centro Coordinador de Información Xuvenil, da Dirección Xeral de Xuventude, onde Antía, a súa directora, lles abriu as portas ao funcionamento da rede de Información xuvenil, sobre todo a partir do proxecto de "Correspondentes xuvenís", o cal conecta a mocidade con recursos, propostas e iniciativas.
🏉Despois achegáronse ao Centro Xuvenil Don Bosco, no barrio de San Pedro, para coñecer de preto como se desenvolven programas de intervención comunitaria a través da educación no tempo libre e o traballo en rede coas entidades do territorio.
🪅A visita continuou na Ludoteca María Miramontes, un espazo municipal centrado no lecer infantil, que lles permitiu coñecer dinámicas, materiais e propostas dirixidas á infancia desde unha perspectiva educativa e inclusiva.
🪄E para pechar o día, pola tarde, achegáronse á feira FP Innova, onde tiveron ocasión de descubrir proxectos doutros ciclos formativos e volveron cargados de ideas e motivación.
Un día intenso e moi proveitoso para seguir construíndo vocación e coñecemento dende a práctica. Moitas grazas a todos os que nos acolleron e facilitaron esta experiencia! 🧡