arriba
 

 
PortadaseparatorNoticias-Novedadesseparator📻🎙️Ponte nas ondas!


Martes, 5-Maio-2026
📻🎙️Ponte nas ondas! - Foto

📻🎙️Ponte nas ondas!

📻🎙️Por segundo ano consecutivo, o Departamento de Servizos socioculturais e á comunidade recibiu un convite para sumarse á Xornada radiovisual interescolar Ponte nas ondas. Nesta ocasión, as alumnas de 1º de Atención a persoas en situación de dependencia (plurilingüe en portugués) non dubidaron en apuntarse á experiencia.
Por si fora pouco o reto de sentarse ante un micrófono por primeira vez, Antía, Fernanda, Jana, Luna e Uxía animáronse a facelo en portugués, acompañadas na preparación do programa pola auxiliar de conversa, Lígia.
Aproveitaron a oportunidade para por en valor o seu perfil profesional e a necesidade de avanzar no mundo dos coidados, elaborando o programa”Coidar os coidados”. Nel incorporaron o aprendido neste curso e explicaron as aportacións de María Ángeles Durán, no seu libro “La riqueza invisible de los cuidados” e defenderon que a atención individualizada ás persoas en situación de dependencia debe partir da súa historia de vida.
Compartiron como poder prestar esta atención con aquelas persoas nas que a historia de vida está ligada á terra, deténdose na presentación da horta do centro e na investigación sobre os recetarios familiares, verdadeiros tesouros para a transmisión do patrimonio inmaterial.
Por último, e facendo un guiño ao país veciño, despediron o programa lembrando a música do 25 de abril, que o Zeca Afonso cantou aquí, no Liceo ourensán, o 8 de maio de 1972, o “Grândola, vila morena".

👉Ligazón á conta de youtube do PNO onde se pode ver a grabación do programa: https://www.youtube.com/live/QtyPMWyrO5s?si=jEWvxceiFQEPmGct (minuto 3:05:00 até o 3:20:00)
👉Ligazón á noticia no Faro de Vigo 


📻🎙️Ponte nas ondas! - Foto 2
📻🎙️Ponte nas ondas! - Foto 3


Mais noticias...